mércores, 26 de novembro de 2014

CONMEMORACIÓNS

CELEBRAMOS A "SEMANA ESCOLAR DA PROVINCIA E A SÚA DEPUTACIÓN".

Co gallo do 180 aniversario da Deputación da Coruña, estamos celebrando con distintas actividades a 'Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación".
No Club de Lectura dos Cazatesouros, en colaboración con membros do Equipo da Biblioteca, elaboramos un mapa-mural cunha selección dalgunhas das lendas que enriquecen a nosa provincia.



1.     

1.       Lenda da da aparición da raíña Berenguela a véspera de Santiago. Localización: Santiago de Compostela.
2.       Lenda da galiña e os pitos de ouro do Castro de Borneiro. Loc.:  Bergantiños.
3.       Lenda da Cova da Buserana. Loc.: Muxía.
4.       Lenda da muller encantada en serpe da Fonte Pormás. Loc.: Arzúa.
5.       Lenda da orixe de Noia en relación coa Arca de Noé. Loc.: Noia.
6.       Lenda da vila asolagada na enseada do Orzán. Loc.: A Coruña.
7.       Lenda da vila asoladada na lagoa de Doniños. Loc.: Ferrol.
8.       Lenda da Virxe de Pastoriza. Loc.: Arteixo, A Coruña.
9.       Lenda das Dunas de Corrubedo. Loc.: Corrubedo.
10.   Lenda da loita entre Hércules e Gerión. Loc.: A Coruña.
11.   Lenda do boi bruón na lagoa do Carregal. Loc.: santa Uxía de Ribeira.
12.   Lenda do tributo das cen doncelas. Loc.: Betanzos.
13.   Lenda da tampa traída por unha moura mítica nas costas e da construción do dolmen de Dombate mentres palillaba. Loc.: Bergantiños.
14.   Lenda da trabe de ouro no dolmen de Axeitos. Loc.: Ribeira.
15.   Lenda da raíña Lupa e a translación do corpo de Santiago Apóstolo. Loc.: Concello de Boqueixón, Santiago de Compostela. Padrón.
16.   Lendas do Castro de Elviña. Loc.: A Coruña.
17.   As lendas do Pico Sacro. Loc.: Lestedo, Sta. Cruz de Rivadulla, Boqueixón.
18.   Lendas do santo André de Teixido. Loc.: Cedeira.
19.   Lenda dos Bois de Gures. Loc: Ézaro, Pindo.
20.   Lenda do animal totémico dos Andrade e de Roxín Roxal. Loc.:  Ponte do Porco. Betanzos.
21.   Lenda da construción da ponte sobre o Eume nunha noite polo demo. Loc.: Pontedeume.
22.   Lenda da pedra de abalar de Muxía. Loc.: Muxía.

1     

martes, 25 de novembro de 2014

CONCURSO GAÑAPUNTOS

CONCURSO GAÑAPUNTOS

SEMANA UNDÉCIMA

"Somos organismos vivos, delicados e complexos asemade. Comunicamos vida e recibimos vida. Por exemplo, dos libros".

PREGUNTA: Cal é a nosa Biblioteca de referencia, a Biblioteca amiga, a que nos presta libros cando os necesitamos durante un mes incluso? (2 puntos).

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(A resposta é: Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil. A gañadora é Alicia Cabana)

luns, 24 de novembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 24 AO 28

Hoxe tráiovos un libro sobre toponimia. A toponimia é unha disciplina difícil: para obter resultados fiables, científicos, hai que perder moita vista e moito tempo buscando entre os documentos vellos as formas e as variantes das palabras cuxa orixe pretendemos coñecer. Mais tamén é unha boa maneira de viaxar ao pasado e de gañar un mínimo de coñecementos sobre o que fomos, sobre quen somos.
Outra vantaxe dos estudos toponímicos é o feito incuestionable de que te obriga a suxeitar a túa fantasía. Se pretendes ser minimamente bo, forzosamente aprendes prudencia.
A maior desvantaxe, en troques, é a intensa tristeza que che pode entrar cando es consciente da cantidade inmensa de fermosísimos nomes de lugar que se perderon e, canto máis te achegas ao presente, a maior velocidade desaparecen: son poucos os seres humanos cultos e/ou con poder político que saben apreciar a importancia da toponimia. Macrourbanizacións, macropolígonos industriais, incluso macrocamposuniversitarios varren do mapa ducias, e ducias de nomes de fontes, de camiños, de lugares, de campos, fragas e leiras que os nosos ancestros veneraron durante centos de anos. Os mapas da Coruña saben moito disto. Entre un mapa do século XIX e un actual xa se percibe a brutal cirurxía. Se collemos  e comparamos agora a microtoponimia que enriquecía a parroquia de san Vicenzo de Elviña co silencio, co esquecemento toponímico actual, a cousa xa é para pensar seriamente que non sabemos apreciar para nada a nosa historia.
Leamos, pois, e gustemos un pouquiño máis da toponimia. Botade  daquela un vistazo a este libro: Toponimia Hispánica. Origen y evolución de nuestros topónimos más importantes. Coordinado por X. Ll. García Arias. Un libro publicado en Valencia no 2011. Están moi ben estudadas nese libro os nomes das cidades e vilas máis habitadas de Galicia.
Ah!, antes de pechar, esquecíame outra marabilla desta disciplina: é un excelente nexo vertebrador. Vale para apreciar o que nos une, o que temos en común. Barcia e Barcelos no N.O. da península, Barcelona no N.E; Xallas no N.O., Sella no N., Jalón no N.E. aprox.; (Sená)briga no N.O., (Segó)briga no centro, (Laco)briga no S. ; Dunum(briga) no N.O., (Viro)dunum [actual Verdún] no N.E.; Viana (do Bolo) no N.O, Viana en Navarra. Etc.
 (Mª Rosario Soto, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')

martes, 18 de novembro de 2014

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA DÉCIMA


Cada palabra / desvela un misterio. // Cada misterio / desvela unha palabra” (Santiago Freire, "Martingadas")


Pregunta: En que libro de Xabier Docampo, ilustrado por Xosé Cobas, os rapaces pérdense na néboa entre fantasmas?


::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

(A resposta é "A illa de todas as illas". A gañador, unha semana máis, é Alicia Cabana Noguera, alumna de 3º da ESO. Parabéns, Alicia!)