luns, 27 de xullo de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 27 AO 31 DE SANTIAGO DO ANO 2015


No verán devórase máis que se le. Ou iso nos parece. E lese en distintos lugares, o cal tamén ten o seu aquel. De golpe decátome de que vos falaría de moitos libros con grande pracer, porque os catro ou cinco que acabo de ler me encantaron (tiven que viaxar e tiven que estar convalecente sen poder andar, por iso aumentan as horas para os libros). Escollo este, dun autor chileno (e mexicano, e catalán e español, e universal), Roberto Bolaño, que é un dos escritores favoritos do meu fillo pequeno  e tamén meu. Titúlase Llamadas telefónicas. Son un feixe de relatos que se reparten en tres subgrupos: Llamadas telefónicas, Detectives, Vida de Anne Moore. No primeiro predominan os xogos literarios: relacións case matemáticas entre receptor e emisor, con regusto experimentalista. No segundo está o relato mellor para o meu entender, “El Gusano”, soberbio exercicio de lingua, vida, literatura, amizade e morte. No terceiro apartado traza Bolaño, coma unha especie de Plutarco, vidas paralelas á súa propia: seres viaxeiros, itinerantes, que nunca están satisfeitos de percorrer terras e camiños, sen que iso lles roube o sentido ou sensentido da existencia. Se tivese que atirar unha conclusión para vós, os que empezades aínda, diríavos tras a rememoranza desta espléndida lectura de Bolaño, que unha das claves que apuntalan o amor pola vida é saber rastrexar a mínima luz naquelas amizades efémeras pero intensas, que cruzan van e veñen coma andoriñas nun estanque en xullo e ás veces, quedas!, tócannos e sabemos con clareza que si, que vivimos... e que nos gusta vivir...
(Mª Rosario Soto Arias)

mércores, 22 de xullo de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 20 AO 24 DE SANTIAGO





Richmal Crompton, Travesuras de Guillermo.

    Case todos os veráns, desde os xa lonxincuos da infancia, "viaxo" a unha idílica vila da campiña inglesa para acudir á miña cita con Guillermo  Brown. E debo dicir que, apesar de tratarse de literatura infanto-xuvenil, segue divertíndome e encantándome como naqueles anos en que eu tiña a idade do protagonista... certo é que,daquela, vivía as súas aventuras con esa emoción que nunca máis se experimenta, e hoxe desfruto especialmente a ironía e o fino humor co que a autora describe a sociedade inglesa das primeiras décadas do século XX.
    Guillermo vive coa súa familia nunha apracible vila. Trátase dunha familia acomodada, sempre preocupada polas trasnadas que Guillermo, incorrixible capitán dos proscritos (panda de amigos que, comandados por el, organizan as aventuras máis desopilantes, froito da fantasía do protagonista quen, ideando unha realidade paralela, se mete en mil leas, das que non sempre sae ben parado). Gullermo, coma os nenos burgueses de Os biosbardos de Blanco-Amor, odia as constricións da clase á que pertence e a maioría das súas aventuras xorden da fuxida, por medio da fantasía, desa realidade que detesta.
  Mágoa que unhas historias tan deliciosas, que tanta felicidade proporcionaron a xeracións de nenos (e non tan nenos...) estean hoxe practicamente esquencidas...Desde aquí anímovos a recuperalas. Vale a pena.
Susana Piensos

luns, 13 de xullo de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 13 AO 17 DE XULLO



Firmado: Nikola Tesla. Escritos y cartas, 1890-1943, Edición de Miguel A. Delgado.

De abondo motivada pola conmemoración que a nosa Biblioteca celebra co gallo do Ano Internacional da Luz, decido saber algo máis da vida deste europeo universal. Así chega ás miñas mans este libro propiedade do meu amigo Mario S. García. Quen tamén me ilustra sobre un enderezo electrónico onde charlan entusiastas seguidores do científico nacido en terras da actual Croacia en 1856.
Tesla foi un xenio, con aires de Quijote (afán máis que humano de estender a todos a electricidade, a enerxía inalámbrica capaz de facer máis doada a vida de homes e mulleres en todo o mundo; ansia de comunicación interplanetaria, fe nas posibilidades dun feliz entendemento entre os seres existentes...) incluídos certos ramos de loucura ou case. Un traballador incansable, con espírito poderoso porque xa cumprira 80 anos e seguía pensando en crear, en fabricar, en deseñar...
A el débese a posta en marcha da corrente alterna, entre outros logros dos que vos informaredes ben se ledes este libro. A min chamoume a atención sobre todo un par de capítulos, un onde recorda episodios da infancia, de como ía ser home de igrexa e logra convencer ao pai para estudar enxeñería, é divertido amén de veraz e convincente. Tamén me seduce a súa relación con Edison, a capacidade sen fin de traballo que ambos os dous tiñan... Igualmente sedutora é a descrición de como operaba a súa mente prodixiosa. E gústame moito –remato xa- o capítulo que lle dedica ao poeta francés medieval, Guyot de Provins, que describe a brúxula nun dos seus poemas, de onde se deduce que Tesla lía de todo. Un incansable lector: un insaciable buscador de novas posibilidades humanas. Pensaba que o coñecemento de nós e do Universo inda está en mantelas. Pode ser... Se antes non destruímos o planeta, podería ser...
(Charo Soto).

luns, 6 de xullo de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 6 AO 10 DE SANTIAGO


Jacqueline Kelly, A evolución de Capurnia Tate.

   Calpurnia, a narradora e protagonista desta novela amable e cálida como un día de verán, ten once anos, unha familia feliz e un futuro que en 1899 seus pais planean como o esperable nunha rapaza: ama de casa e nai de familia. Pero Calpurnia ten outros desexos: a relación co seu avó, seguidor de Darwin, despertará a súa vocación de naturalista e, xuntos, realizarán mesmo algún descubrimento botánico.
   Aínda que este é  o miolo da historia, , na novela, cun estilo suavemente humorístico, móstrasenos a sociedade  rural dos EEUU nas portas do século XX, o papel reservado ás mulleres, contra o que Calpurnia, no seu interior, se rebela; as relacións cos que, non moito tempo atrás, eran aínda escravos; a chegada da modernidade, simbolizada no teléfono e a Coca-Cola...todo nun ambiente  harmónico, idealizado, que fai da lectura deste libro unha experiencia moi pracenteira.
   Nestes días de verán, nos que as présas e os trafegos do curso nos dan unha tregua, acompañar a Calpurnia no seu verán adolescente, no que cobra conciencia do seu verdadeiro "eu", resulta tan reconfortante coma un día de sol.
Susana Piensos.