luns, 12 de decembro de 2016

Un filme para Nadal... "Paterson"




   Acabo de ver unha desas películas que, cando saes do cine, seguen dentro de ti, da mesma maneira que ti quedaches engaiolada nela durante as súas dúas horas de duración.
  Paterson mostra a vida, ao longo dunha semana, do condutor de autobús e poeta así chamado, que vive na cidade do mesmo nome, onde viviu tamén unha das glorias da poesía norteamericana, William Carlos Williams. No filme non ocorre nada especial, como na vida habitualmente, no seu rutineiro día a día, excepto ao final, onde unha pequena traxedia,  en realidade unha grande perda, é compensada, xustiza poética, por un encontro reparador...
  O ritmo é moroso, salpicado con momentos de humor (ese can, ese bar...). Ao finalizar, unhas espectadoras que estaban detrás miña dixeron : "Que tostón!"...para min, ao contrario, é unha desas películas sinxelas pero que, como as cebolas, teñen moitas capas: é a historia dun home bon, unha historia de amor feliz, a  crónica do que é en realidade a vida, sucesión de pequenos momentos case sempre intranscendentes, o retrato dunha pequena comunidade de xente bondadosa na súa normalidade...e unha reflexión sinxela, sen rebuscamento, sobre a creatividade, que pode brotar até nas situacións máis prosaicas transformándoas en arte...Paterson é,  tamén, para min, arte.
 
                                                                                                  Susana Piensos.

sábado, 10 de decembro de 2016

Outra muller co Nobel da Paz: Rigoberta Menchú

Seguindo a estela da entrada anterior, as alumnas María Castro e María Costa fixeron este traballo dentro da materia de Oratoria.

https://drive.google.com/open?id=0B3mkIjPM-Sr3MmJsWnZtVS1UOTA

Para vela terás que escoller a visualización de Google Presentacións.

mércores, 7 de decembro de 2016

A Premio Nobel da Paz Wangari Muta

Enlace á presentación 


María Castro e María Costa, dúas alumnas da profesora Beatriz Moreno, fixeron esta presentación sobre a Premio Nobel da Paz Wangari Muta Maathai. A súa labor é digna de recoñecemento. Fai clic no enlace para vela e abrea coa ferramenta de presentacións de Google. Parabéns!

xoves, 1 de decembro de 2016

Un filme documental cada semana...ou cada mes..."Home" de Yann Arthus Bertrand




  Este documental conta, con imaxes desde  o aire, a mala evolución da Terra a causa da  contaminación ambiental, da explotación das enerxías non renovables...tamén nos fala de moitos países produtores de petróleo onde a xente vive en casoupas e sen ningunha axuda, do perigo de que se derrita o xeo do Ártico e de que se inunden as cidades...
   É un documental moi interesante  xa que nos alerta dos perigos que sofre a Terra en case todos os países, cunhas imaxes impresionantes, algunhas moi impactantes. O narrador conta cousas moi interesantes sobre os perigos da contaminación e da falta do respecto á nosa casa, a Terra.
  A mensaxe que pretende dar é un pouco pesimista, non me gustou nada ver tanta xente malvivindo en países con petróleo e diñeiro; pese a isto, o documental é moi recomendable e moi didáctico.
                                                                                  
                                                                               Alfonso Soilán Sánchez, 3º ESO.